2ª SEMANA DE ADVENTO: PREPARADE! DISPOÑÉDEVOS PARA RECOÑECER A VERDADE!

Nesta segunda semana de Advento invítasenos a integrar na nosa vida a actitude de estar dispostos, preparados. Esta vinda do Señor hai que preparala.
Para poder descubrir e experimentar DE VERDADE esta vinda, esta presenza, é necesario un terreo preparado.
Preparados significa recoñecer os obstáculos, as medio verdades e medio mentiras que dicimos e nos dicimos (e que ás veces nos cremos), para así poder deixar que a VERDADE remedie as nosas pobrezas e faga desaparecer todo o que en nós e nas nosas estruturas se sustenta sobre a improvisación, a dúbida, a pouca transparencia, etc.
Neste tempo de Advento, e máis concretamente nesta semana, temos unha tarefa importante: a de descubrir para qué non estamos preparados, que nos impide estar ben abastecidos para que Deus, o proxecto de vida de Xesús e os demais entren nas nosas vidas.
Como habemos de preparar o noso corazón? Velaquí algunhas actitudes vitais que nos axudan a preparar a vinda do Señor, a estar disposto para poder recoñecer a VERDADE que chega e que se nos regala gratuitamente:
- Crer, é dicir, fiarse de Deus...
- Deixarse querer, abrirse ao amor, estar disposto a abrir a nosa vida, a nosa casa á chamada do Deus-Amigo;
- Liberarse do que non nos deixa ser persoas libres, liberadas e liberadoras;
- Empezar de verdade a compartir pois non teriamos tantas cousas se soubésemos compartir;
- Amar, como Deus nos ama, pero non só a Deus que está nos ceos, senón ao que anda por aí, en calquera rúa ou en calquera casa, ao Deus permanente encarnado, ao Deus máis próximo, ao Deus máis visible, ao Deus máis necesitado. Ao Deus da terra co que nos cruzamos todos os días, ao que atendemos todos os días, ao que arroupamos, axudamos a comer ou a entender unha operación matemática ou como se realiza un exercicio de coñecemento do medio ou de inglés.
- Ser veraces, buscar a verdade na propia vida e nos acontecementos que a marcan. 
Esta preparación dos camiños do Señor da que fala o profeta e repite Juan el Bautista é o que chamamos "proceso de conversión". Ser cristiáns supón vivir en clave de constante reforma, dispostos a cambiar todo aquilo que non permite que o Señor se faga verdadeiramente presente nas nosas vidas.

En que necesito máis preparación na miña vida persoal?
Para que creo que non estou nin disposto nin preparado?
Como podo preparar o meu corazón ao Deus que chega?
Como podo preparar a vinda do Señor?
De que actitudes me hei de liberar para converter e dispoñer o meu corazón?

       
E para que os máis pequenos tamén reflexiones, déixovos este vídeo dunha película sobre o burriño que acolleu e deu calor a Xesús; el tamén foi servidor. E para recibir a Xesús, para prepararnos temos que cambiar e volvernos humildes e xenerosos coma o burriño ....

No hay comentarios:

Publicar un comentario