1ª SEMANA DE ADVENTO: MIRADE!!! ABRIDE OS OLLOS Á VERDADE!!!

Mc 13, 33-37: Mirade! Vixiade! Velade! pois non sabedes cando virá o dono da casa, se ao atardecer, ou a media noite, ou ao canto do galo, ou ao amañecer: non sexa que veña inesperadamente e vos encontre durmidos.
 Ao empezar o Advento, escoitamos, o primeiro, un timbrazo de alarma. Vixía! Vela! Mira! Necesitámolo, porque o Advento é tempo de esperanza e a esperanza ha de ser atenta e vixiante. Non pechedes os ollos, mirade ben. Espertade. Acendede a vosa esperanza! Camiñar cara á VERDADE con maiúsculas que chega require de todos nós algunhas actitudes que nos manteñan en vela, que nos impidan durmirnos ou adormecernos coas preocupacións do diario vivir.

Xesús faise presente en calquera oportunidade. Necesitamos velar para recoñecelo e acollelo. É o propio do Advento. É o tempo da preparación. Unha preparación que vai moito máis alá das luces que xa están preparadas e que colgan dos farois e paseos das nosas cidades e pobos esperando ao arranque do Nadal oficial. Para un cristián as luces non se iluminan de verdade ata que o que é a LUZ verdadeira non aparece entre nós.

Deus faise presente en medio da nosa vida cotiá, non chega con grandiosos sinais e efectos especiais, senón na sinxeleza e discreción dos acontecementos máis correntes e cotiáns. Descubrilo na vida é unha das nosas tarefas máis difíciles e importantes como cristiáns, pero iso só se pode conseguir se vivimos nunha constante actitude de busca e atención. Mirade! Vixiade!

Esta primeira semana de Advento invítasenos a traballar e intentar adquirir eses trazos que non deberían nunca faltar na mirada de alguén que se sabe en camiño, que se sente vixiante e esperanzado:

1. Unha mirada cordial, unha mirada cariñosa que mira porque ama.
2. Unha mirada valente, capaz de miralo todo fixamente, á cara, sen filtros.
3, Una mirada escrutadora, que pregunta, que vai máis alá das aparencias, que se deixa interrogar aínda que non teña inmediatamente resposta, que acepta pacientemente o silencio.
4. Unha mirada cada día reinstaurada, non viciada pola rutina senón capaz de descubrir cada día a novidade das cousas e das persoas.
5, Una mirada iluminada pola fe, que nos concede mirar as cousas coa mirada de Deus.
6. Unha mirada profética, que - dende o encontro con Deus e coa persoa- prevé o futuro e interpreta o presente; que sabe ler os signos dos tempos.

Vixiamos cando esperamos, vixiamos cando creemos, vixiamos cando confiamos, vixiamos cando amamos. Non deixemos de mirar e velar!

Canta atención dedicas a ver como vai a túa vida?
Vives en actitude de vixilancia e busca?
Como miras aos demais? A quen admiras? Por que?
Que propósito de Advento estás disposto a levar adiante?
Tes os ollos ben abertos para descubrir o Señor no medio do cotián?





No hay comentarios:

Publicar un comentario