4ª SEMANA DE ADVENTO: Alegrádevos! Celebrade que o Señor vén de verdade


Lc 1, 26-38: Alégrate! O Señor está contigo! Aquí está a escrava do Señor, Fágase en min segundo a túa palabra!
Esta última semana de Advento anímasenos a vivir e a estar dispostos cun talante alegre como María.  A pesar de que a realidade que nos rodea sexa bastante dramática, a pesar de que o mundo no que vivimos está cheo de inxustizas e desgracias, con Xesús que nace chega a salvación e isto débenos encher dunha profunda alegría e esperanza.
Quizais podemos ter a tentación de desesperar porque vemos a chegada do Señor como algo moi afastado, e a crise e a dramática realidade cáenos enriba como unha lousa. Pero se o Nadal está preto é porque nós podemos colaborar a que o Señor estea cada día máis e máis presente, e o Nadal sexa máis e máis auténtico, un Nadal de Verdade. Así pois o anuncio que queremos subliñar de xeito especial esta última semana do Advento é o da alegría.

Esta alegría non vén dende logo, deste mundo. Non é unha alegría que teña relación directa co pracer ou a comodidade ou a fortuna. Tampouco é cuestión de temperamento ou de receita psicolóxica. Moito menos ten que ver coas euforias prefabricadas.

A nosa alegría é gratuíta. Regálase como froito do Nadal e a Pascua, é un don de Deus. A alegría é froito do Espírito. Por iso a María e a cada un de nós dísenos: Alegrádevos!

Como cristiáns temos a responsabilidade de proclamar neste mundo que hai un novo mundo por descubrir. Aquel onde os cativos encontran a liberdade, os corazóns son sandados...

O mellor xeito de anunciar esta mensaxe é comezar por poñelo nós mesmos en práctica malia as nosas incomprensións e sorpresas, tal e como fixo María, sorprendida, superada... pero verdadeiramente disposta.

A resposta afirmativa de María no evanxeo do domingo é o que está chamado a suceder na Igrexa e en cada un de nós. Un si que significa "entrega total". É poñer toda a súa vida nas mans de Deus, que non quere os nosos tesouros, senón o noso corazón; non quere os nosos sacrificios, senón o noso amor; non quere as nosas cousas, senón a nós mesmos.

E sabes para que o quere Deus? Para dárllelo aos irmáns. O "fágase" de María é un estímulo para que nós realicemos tamén a opción fundamental de Xesús: construír un mundo máis humano e instaurar unha civilización mellor.

O Señor non nos pide a ofrenda dunha casa, pero si quere facer en nós unha casa, ou mellor, quere facer de nós a súa casa. Resulta que xa está aí o Nadal e Deus segue buscando unha casa para nacer. O único que nos pide o Señor é un "si" confiado e entregado.

A Anunciación repítese porque Deus segue necesitando dunha nai que o acolla no seu corazón e o revista de carne. Deus séguenos necesitando e espera o noso "fiat" cada día. Oxalá que dunha vez por todas, de verdade, poidamos dicir con María: "Fágase en min segundo a túa Palabra". Ogallá celebremos que o Señor vén de verdade. 

Que feridas persoais e comunitarias terías que sandar para que poidas experimentar a alegría do Nadal na túa vida? 
Que "resistencias" me fan vivir o Nadal de xeito morno, "descafeinado", "light?
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario