3ª SEMANA DE ADVENTO: ILUMINADE! SEDE LUZ DE VERDADE


Xn 1, 6-8. 19-28: Xoán respondeulles: Eu bautizo con auga; no medio de vós hai un que non coñecedes, o que vén detrás miña... Eu ilumino pero a LUZ da que procede o meu resplandor é Xesús, Luz verdadeira.

Estamos a medio camiño do Advento e propónsenos agora vivir sendo luz, vivir iluminando. 
Nesta terceira semana estamos chamados a dúas cousas: 
En primeiro lugar a deixarnos iluminar. Para isto, debemos deternos e preguntarnos cantas zonas escuras, sombrías ou en tebras ten o noso corazón, os nosos afectos, os nosos proxectos, os nosos comportamentos, os nosos compromisos ... 
O segundo que se nos pide esta semana é converternos, nós mesmos, en luz que ilumine a quen nos encontre. Transformarnos en pequenos faros que orienten aos demais, que sirvamos de sinal luminoso no medio da noite, que esteamos "acendidos" para que ninguén viva desorientado ou á deriva, sen rumbo. Nós, coma Xoán Bautista, non somos a LUZ senón testemuñas da luz. Necesitamos estar conectados á fonte de enerxía principal: o Deus de Xesús, luz do mundo.
Somos luz de verdade cando encarnamos na nosa vida o estilo de vida de Xesús cuxo único criterio de actuación foi a compaixón, cuxa meta foi a dignidade dos últimos, cuxo programa foi a sanación de toda ferida e cuxo último horizonte foi o perdón. 
Convertamos o noso corazón e as nosas vidas en luz para os demais.

Que aspectos da miña vida necesitan ser iluminados?
Por que quere Deus que eu sexa luz?
Que propósitos debo levar adiante para converterme en luz para os demais?
Onde creo que estou chamad@ a ser luz neste momento?
Como podo converterme en luz verdadeira para os que me rodean?

No hay comentarios:

Publicar un comentario