FORMACIÓN DE PROFESORES EN CLAVE VICENCIANA


É innegable a herdanza que deixaron os fundadores da nosa compañía, San Vicente e Santa Luisa, nos nosos centros educativos. Legado que se nos deu a través das irmás que están a traballar connosco nos nosos centros, vendo en moitas delas a experiencia de cooperación, implicación, coordinación e compromiso.
Estamos de acordo en que nos nosos centros hai grandes profesionais, pero ás veces estamos demasiado ocupados en dar a programación, en elaborar o Plan Tic, o Plan Lector... Infinidade de plans que, sen dúbida, son importantes; pero que non poden facernos esquecer que debemos ser eficaces na nosa tarefa, mais coidando sempre amorosamente ás persoas. 

Hoxe, sábado 2 de febreiro de 2013, os educadores dos colexios de La Inmaculada de Marín e de La Milagrosa de Bueu, reunímonos con Sor Teresa Brull para participar nos nosos primeiros Obradoiros Vicencianos. Neste primeiro encontro mostráronsenos as experiencias de vida e traballo de Vicente de Paúl e de Luisa de Marillac e déronsenos as claves para, seguindo o seu exemplo, consolidar unha escola vicenciana baseada na colaboración, a cooperación e implicación de cada un de nós; chegando a converter o claustro de profesores dos nosos respectivos centros, no mellor equipo de traballo que se poida ter, sacando á luz todos aqueles valores e puntos fortes que temos e así conseguir maiores logros no noso traballo persoal e cos nosos alumnos, os cales han de conseguir ver en nós esa experiencia de vida auténtica.
Só traballando en equipo e resaltando todos os valores legados por San Vicente e Santa Luisa, lograremos chegar a formar unha Escola Vicenciana de verdade, cuxos alicerces sexan sólidos para que a nosa comunidade educativa poida ser sustentada neles. 
 É certo que na sociedade na que vivimos, ás veces, dá a sensación de que imos a contracorrente e que moitas destas cousas parecen imposibles, pero como dixo Sor Teresa Brull, "no xogo da vida estas son as cartas que nos tocaron, así que as xoguemos do mellor xeito para que este xogo sexa un triunfo, e os nosos alumnos os gañadores do xogo"

Charo Moreira
Diana Rey

No hay comentarios:

Publicar un comentario