Primeiro Domingo de ADVENTO: ¡CONFÍA! MIRADE, HABERÁ SINAIS… ESTADE EN VELA


Comeza o Advento. Máis de vinte días nos que imos practicar a espera activa, a esperanza por enriba de calquera outra cousa, situación e preocupación. Esta primeira semana queremos traballar a exhortación Confía! A Palabra invítanos a confiar, a ter confianza, a fiarnos. Vivimos momentos difíciles para fiarnos das promesas que nos fan, das melloras que van chegar pero non chegan, mesmo para fiarnos dos demais.

A confianza é o fundamento de toda relación humana. Ninguén pode camiñar xunto ao outro sen ter a certeza de que pode confiar nel. Sen confianza é imposible avanzar e crecer. Sen confianza non se vive. 
Apóiase na firme esperanza e proporciona seguridade, optimismo, benestar, alegría. A confianza fainos máis fortes, máis libres e tamén mellores. Pola contra, o receo leva ao temor, ao malestar, á insatisfacción. A dúbida, a inquietude, reprímenos, non nos deixa actuar, dificulta que tomemos iniciativas, paralízanos, sufrimos. 

A confianza implica reciprocidade. Imos depositando a nosa confianza no outro ao comprobar que non somos defraudados e, ao mesmo tempo, porque experimentamos que tamén somos obxecto de confianza. Esperamos, porque estamos convencidos de que imos recibir. Damos, porque a nós nos deron. O egoísta, o que só pide, o que recibe e nunca dá, remata coa relación. Cando se establece unha relación de mutua confianza estase a asinar un pacto e quen o incumpre fai fraude; a estafa é especialmente grave cando un se aproveita de que o outro confía.

Cando falamos de confianza falamos de transparencia. Todos necesitamos que alguén confíe en nós. Quen confía noutra persoa faina crecer e contribúe á súa felicidade. 

A confianza, dende un punto de vista cristián, fundaméntase no amor. Xesús amou tanto ao mundo que foi capaz de dar a vida por nós. Deus confía en nós plenamente porque nos ama totalmente.


Nesta primeira semana de Advento, estamos invitados a mirar a nosa propia historia, a nosa propia vida e examinar canta confianza temos en nós mesmos, nos demais e en Deus. Que tomemos responsable e persoalmente esa exhortación (Confía!) e deixémonos facer por Deus. "Haberá sinais" di Lucas, esteamos en vela, preparados, vixiantes. Confiemos! Só o que confía xera vida ao seu arredor.


O primeiro paso no proceso da fe é a confianza.
Os últimos estudos sobre a xuventude demostran que manifestan un alto grao de desconfianza: cren tan só en si mesmos, nas súas capacidades, e no seu círculo máis próximo de familia e amigos. As institucións, incluída a Igrexa, quedan á marxe dese círculo. A fe, Xesús, Deus, non supoñen algo relevante nas súas vidas. E se algo non é relevante, se non ten un posto importante na vida, non merece ser digno de confianza.
Se boto unha ollada á miña vida persoal, como ando de confianza? 
Fíome de min mesmo? Confío nas miñas posibilidades? 
En quen teño posta a miña confianza? 
Cales son as túas razóns para non confiar?

- No teu ámbito máis próximo
- Nas institucións.
- En Deus.
- En ti mesmo?
Neste Advento, confío en que Deus vén á miña vida? Como podo prepararme para recibilo? Teño "espazo" para el? 

No hay comentarios:

Publicar un comentario