No día da Inmaculada, recordámoste, Sor Merchán


Toda a Comunidade Educativa das Fillas da Caridade de Marín está de loito tras o falecemento, na madrugada do 6 de decembro, da que foi superiora do Colexio La Inmaculada, sor Antonia Merchán

Sor Merchán levaba doce anos residindo no noso colexio, vivindo entre nós e compartindo moitas alegrías, bos e malos momentos.

En palabras de Sor Manuela, sor Merchán «Era unha auténtica Filla da Caridade, preocupábase moitísimo pola comunidade, pola vida espiritual das irmás, e foi moi valente, tiña moita fe». E non só se preocupaba polas irmás, tamén o facía polo resto da comunidade, alumnos, profesores, persoal non docente, familias, … Achegábase a cada un de nós con palabras tenras e amables, con xestos sinxelos e decididos.
Sor Merchán faleceu tras unha dura e longa batalla contra un cancro, pero nunca perdeu a súa forza que lle viña dunha gran fe en Deus.
O recordo de sor Merchán permanecerá por sempre, porque ela soubo buscar a Gloria e porque tamén soubo amar. Amou a Deus; amou á súa vocación: servir a Deus nos pobres; amou a súa profesión: a docencia; amou as súas irmás; amou o seu traballo e amou a vida. Ás persoas coñéceselles polas súas obras. Aí quedan as de Sor Merchán e aí queda o seu exemplo.

Hoxe, na Festa da Inmaculada Concepción, sabemos que por fin descansas xunto a o Pai, abrigada no colo da nosa Nai, María, á que sempre te encomendabas e que tan importante foi para ti durante toda a túa vida.

Grazas, Sor Merchán, por unha vida de sacrificio e exemplo para todos nós

No hay comentarios:

Publicar un comentario