FESTA DE PENTECOSTE

Hoxe celebramos a festa de Pentecoste que nos recorda o nacemento da Igrexa, na que recibimos a forza do Espírito. Pero, para que o recibimos? Quizais nos pase como aos discípulos, que temos medo, temos as nosas portas pechadas.
Poderías preguntarte: Cales son os meus medos? Que é o que me paraliza na miña vida? 
Seguro que hai cousas de ti que necesitan que Xesús resucitado abra e se presente ante ti coma aos discípulos. 
Seguro que necesitas que Xesús te encha da súa paz para que goces desa alegría que se sente cando estás en paz contigo mesmo e cos demais. Ese pode ser un sinal do resucitado, sen que faga falta que che ensine as súas mans e o seu costado. 
Deixa que Xesús te envíe e te encha da forza do seu espírito que enche de vida e de cor a realidade que te rodea. 
Si, Xesús invítanos a poñer cor na nosa vida e na dos demais unha cor de esperanza e de perdón. 
Sente a forza do amor e a entrega á que te chama Xesús. 
Quizais chegue o momento de preguntarte: Que queres, Señor, de min? Que queres que faga coa miña vida? Seguro que ten unha resposta e unha misión, algo bo reservado para ti, porque puxo a súa confianza en ti. 
Ah! Non esquezas que non estás só, levas dentro de ti a forza do Espírito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario