ASCENSIÓN DE XESÚS

Hoxe celebramos unha das grandes festas dos cristiáns, que é a festa da Ascensión, onde se pecha o camiño que nos marcou Xesús volvendo ao Pai. Se nós estamos chamados a alcanzar a mesma meta, decatámonos de que saímos do Pai para que día volvermos a el. En definitiva, recordamos que nel encontramos a nosa verdadeira identidade e razón de ser. Xesús invítanos a entrar no noso interior para encontrar o Pai. Pero ese encontro con Deus, non é para que o quedemos para nós. Isto non funciona como a economía do noso mundo. A economía de Deus fala de gratuidade, de dar gratis o que gratis recibimos. De aí que a mensaxe de Xesús na ascensión sexa: "Ide ao mundo enteiro e proclamade o Evanxeo a toda a creación". A boa noticia de Xesús é para todos. Esa paixón de Xesús polo Reino de Deus, é a mesma que nos impulsa hoxe a superar as nosas diferenzas, a poñer paz e reconciliación onde existan conflitos, a ofrecer aos demais unha mensaxe de esperanza, a tender unha man a quen o necesite, a compartir o que temos cos máis pobres. Xesús conta contigo para que o deas a coñecer a outros, para que presentes aos demais quen é, dicindo que paga a pena vivir a vida ao seu estilo. Como o podes dicir aos demais? Pode que sintas medo ao que dirán, pode que se rían de ti por dicir que es cristián. Por iso, moitas veces serás testemuña de Xesús coa túa vida, co teu exemplo, co teu xeito especial de vivir o evanxeo, que che fai diferente e auténtico.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario