XA É NADAL EN ALBORÁN

 Fágome eco dun artigo de PEPE LAGUNA, PARLA (MADRID), ante os sucesos que seguen a ocorrer mentres todos disfrutamos dun Nadal máis ou menos feliz, mentres nos preparamos para comer as uvas da boa sorte e mentres seguimos desexando un 2011 mellor có anterior.... Hai quen só desexa un mañá, ou un pouco desa felicidade que nunca coñeceu ... ou simplemente un lugar quente no que atopar acubillo para pasar unha dura e fría noite de inverno.... E  aínda seguiremos preocupados polos agasallos que nos traerán os Reis Magos de Oriente?


Xa é Nadal na illa de Alborán. Non foron os anxos quen me deron a boa noticia, lino esta mañá nas edicións dixitais de todos os xornais: onte domingo, unha María negra deu a luz unha preciosa nena na embarcación coa que cruzaba “legalmente” o Estreito de Xibraltar.

            Igual que hai dous mil anos, María fuxía do futuro ditado polos Herodes da miseria e a corrupción. Nesta ocasión non viaxaba a lombos dun burro, senón no húmido ventre dunha pateira. Como entón, chegoulle o momento do parto en plena viaxe e o presebe foi substituído por un escangallado caiuco. Non había pousada nin para ela, nin para os 32 subsaharianos que a acompañaban, entre eles sete embarazadas máis e seis menores.

            A estrela de Oriente adaptouse aos novos tempos e transformouse nunha chamada de móbil que un anxo anónimo fixo desde Marrocos avisando da saída da embarcación a tarde anterior.

            A calor que outrora deron ao neno un boi e unha mula, onte ofreceuno o colo do garda civil que durante dúas horas, ata chegar a Motril, protexeu á pequena do intenso frío.

            A que esperamos para saír correndo a Alborán e pór aos pés da nena o requeixo, a manteiga e o viño das nosas desbordantes despensas? A que esperan os políticos e sabios para ir ofrecerlle o ouro, o incenso e a mirra dun futuro cheo de posibilidades? Imos deixar que, dous mil anos despois, a sombra dunha cruz se proxecte sobre o porvir desa nena?

En cada crío que nace xógase a salvación compartida dun futuro mellor para todos, empezando polos últimos. Alegrémonos cos pastores porque xa é Nadal en Alborán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario