ADVENTO E DEREITOS HUMANOS

Cada ano, nas nosas celebracións do tempo de Advento, seguimos o antigo costume de acender a Coroa de Advento coas súas catro velas (unha para cada domingo de cor morada) e unha vela central, de cor branca para o día de Nadal.
Neste tempo de espera e preparación adoitamos poñerlle un nome e un significado especial a cada vela.

Podemos identificar este ano o Advento e os Dereitos Humanos. Sen dúbida, a declaración de Universal dos Dereitos Humanos enumera moitos máis dereitos que  domingos hai en advento. Pero podemos empezar por afondar nalgún:

Liberdade

Texto Isaías 2:1-5
"El ensinaranos os seus camiños e camiñaremos polas súas sendas".
Converterán as súas espadas en reixas de arado e as súas lanzas en fouces; non alzará espada nación contra nación nin se adestrarán máis para a guerra. "

Algúns dereitos falan da Liberdade, o dereito a expresión e o ben común:

"Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.

Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.

Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión


Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.


No exercicio dos seus dereitos e no desfrute das súas liberdades, toda persoa estará soamente suxeita ás limitacións establecidas pola lei co único fin de asegurar o recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais. "

O amor de Deus fainos libres. A luz de Cristo ensínanos a vivir en liberdade e en respecto como irmáns e irmás.
 
Salvación
Texto Isaías 11:1-10
E será a xustiza cinto das súas cadeiras, e a fidelidade cinguirá a súa cintura.
Morará o lobo co cordeiro, deitarase o leopardo co cabrito; o becerro, o león e a besta doméstica andarán xuntos, e un neno os pastoreará.
(...)Non farán mal nin danarán en todo o meu santo monte, porque a terra será chea do coñecemento de Xehová, como as augas cobren o mar.

Algúns dereitos falan do dereito á vida e a seguridade, en contra da escravitude e o mal trato:

"Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa.

Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado.

Ninguén estará sometido a escravitude nin a servidume, a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en todas as súas formas.

Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

Toda persoa ten dereito, en condicións de plena igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial

Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, a súa familia, o seu domicilio ou a súa correspondencia, nin de ataques á súa honra ou á súa reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra tales inxerencias ou ataques.
En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a gozar del, en calquera país".

A xustiza de Deus é amor aos homes, especialmente aos máis débiles. A luz de Cristo, tráenos a salvación para os que o aceptan. Este neno que nace , o que ha pastorearnos, invítanos a vivir unha vida digna no coñecemento do amor de Deus.
 
Vida digna
 
Texto Isaías 35:1-10
Fortalecede as mans cansas, afirmade os xeonllos febles! Dicide aos de corazón apoucado: " Esforzádevos, non temades! Velaquí que o voso Deus vén con retribución, con pagamento; Deus mesmo virá e salvaravos".
Entón os ollos dos cegos serán abertos e destapados os oídos dos xordos. Entón o coxo saltará como un cervo e cantará a lingua do mudo, porque augas serán cavadas no deserto e torrentes na estepa.
(...)E os redimidos por Xehová volverán a Sión con alegría; e haberá gozo perpetuo sobre as súas cabezas. Terán gozo e alegría, e fuxirán a tristura e o lamento.

Algúns dereitos fálannos da vida digna con saúde e sen discriminación:

"Todos son iguais ante a lei e teñen, sen distinción, dereito a igual protección da lei.
Todos teñen dereito a igual protección contra toda discriminación que infrinxa esta Declaración e contra toda provocación a tal discriminación.

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional, tendo en conta a organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar.

A maternidade e a infancia teñen dereito a coidados e asistencia especiais. Todos os nenos, nacidos de matrimonio ou fóra de matrimonio, teñen dereito a igual protección social.
Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser gratuíta, polo menos no concernente á instrución elemental e fundamental. A instrución elemental será obrigatoria".



Deus regalounos a vida. Trátase de gozala, compartila en amor e facer deste mundo, un lugar que pague a pena disfrutar e vivir.

Pan de Vida
 
Texto Isaías 7:10-16
A virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeralle por nome Emmanuel.
Comerá manteiga e mel, ata que saiba desbotar o malo e escoller o bo.


Algúns dereitos  fálannos do dereito ao traballo e á alimentación:

"Toda persoa ten dereito ao traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo e á protección contra o desemprego.
Toda persoa ten dereito, sen discriminación ningunha, a igual salario por traballo igual.
Toda persoa que traballa ten dereito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que lle asegure, así como á súa familia, unha existencia conforme á dignidade humana e que será completada, en caso necesario, por calquera outros medios de protección social.
Toda persoa ten dereito ao descanso, ao desfrute do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagadas.

Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito aos seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade".
 
Deus regalounos a vida. No seu Fillo manifestouse como auga viva e pan de vida, necesidades elementais e fundamentais de ser humano.
Xunto coa vida regalounos este mundo para que poidamos vivir por el, e coidalo para as xeracións futuras.



No hay comentarios:

Publicar un comentario