DÁLLES VIDA AOS TEUS XOGUETES

 CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES 2012


A Fundación Andrea de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, é unha organización sen ánimo de lucro que ten como finalidade básica a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza, ás familias que, contando con escasos recursos económicos, haxan de coidar os seus fillos nas enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, que estes poidan padecer.

A Fundación facilita solucións e axudas áxiles ante situacións de carencias inmediatas, entre outras: apoio psicolóxico a pais e a nenos; sesións de fisioterapia, logopedia ou musicoterapia; dulcificación de espazos pediátricos hospitalarios; adecuación de vivendas ás necesidades dos nenos enfermos; dotación de material ortopédico ou tecnolóxico; colaboración con escolas hospitalarias e unidades de atención temperá; bolsas para manutención, medicación ou para desprazamentos a outros hospitais fóra de Galicia; ou mantemento de dúas vivendas en Santiago de Compostela, denominadas "As Casiñas" postas a disposición das familias de nenos desprazados dende outras cidades de Galicia, para ingresos de longa estanza hospitalaria.
 
Neste momento, de cara á campaña de Nadal, a Fundación está a recoller xoguetes para levar aos nenos hospitalizados en todo ámbito xeográfico galego: Santiago, Pontevedra, Salnés… Cómpre que todos colaboremos para que poidan continuar realizando un labor tan importante. Por iso, estes días recolleremos xoguetes  (en bo estado) no noso colegio.

OS XOGUETES QUE TI NON USAS SON NECESARIOS PARA ALGÚN NEN@ QUE QUERE XOGAR CON ELES. DÁLLES VIDA.
GRAZAS POR COLABORAR.

No hay comentarios:

Publicar un comentario