RECORDANDO A SOR AURELIA


Hoxe, aos seus 98 anos, despedimos a Sor Aurelia Vidal Garrido, a Filla da Caridade que máis anos conviviu coa nosa comunidade do Colexio La Inmaculada de Marín, no noso pobo, con cada irmá que viña destinada e con centos de alumnos que por aquí pasamos. Nada menos que 76 anos!!!
Sor Aurelia, natural do Bierzo pero marinense de adopción , chegou a Marín en 1.937, con 22 anos. Este foi o seu primeiro e último destino como relixiosa. Foi toda unha institución docente e destacou polo seu gran servizo relixioso e educativo, especialmente dando clases de música.
Centos de alumnas e moitos alumnos pasaron polas súas aulas e son moitos e moitas os que lle deben a súa iniciación ao mundo da música porque, Sor Aurelia, profesora de solfexo e, sobre todo piano, abriu coas súas ensinanzas o camiño da vida profesional a gran parte dos que, con ela, empezaron a dominar a arte do son.

Non era difícil vela polos corredores do colexio, intentando sortear a “vixianza” das irmás que tanto a querían e coidaban para escapar aos pianos e tocar esas teclas que, de seguro,  a rexuvenecían. O 9  de novembro tocou a súa derradeira peza, completou a súa partitura e marchou como era ela, silendeira e sen queixa, en sábado, o día da Virxe, tal e como quería, seguramente para ter acceso directo ao ceo. E seguro que alí está xa, ao lado da súa querida Virxe, ao carón do seu Señor ao que durante tantos anos serviu coa súa vocación relixiosa, acompañando a todas as irmás que pasaron pola súa vida. Ata sempre. AVE MARÍA

Sor Aurelia, a terceira da fila superior, nos seus tempos mozos











No hay comentarios:

Publicar un comentario