ANXOS ENTRE NÓS

Hai veces que imos pola vida cos "ollos pechados" ou "vendados" (que ten o mesmo efecto). Son aqueles momentos nos que non vemos nada, non temos esperanza, temos medo, sentímonos sós, cremos que non somos importantes para ninguén. Momentos nos que as cousas non nos van ben. Momentos de crise de moitas cousas. Neses momentos pasámolo realmente mal. Normalmente non temos capacidade para ver máis alá de nós mesmos. Neses momentos non estamos para levar a cabo ningunha empresa, ningunha tarefa, ningún compromiso.

Hoxe caemos na conta de que Xesús está ao noso lado sempre, que vive entre nós. E que moitas veces nos decatamos da súa presenza, porque é o "gran anxo" das nosas vidas,  que se fai presente por medio de moitas persoas, que -como di a canción de "Presuntos implicados" -son anxos para nós.

Anxos que iluminan o camiño a seguir. Anxos que Deus che envía, que te fan sentir únic@ e preferid@ por Deus. Anxos con miradas transparentes, cheos de amor para compartir. Anxos que acompañan á xente en hospitais, parques... Anxos que van de fronte e non esquivan a túa mirada... Anxos que sendo persoas normais están dispostos a darche a man e o corazón.
Permite que chegue a verdadeira luz á túa vida. Pero non quedes aí... Xesús conta contigo para compartir e deixar que a súa luz chegue aos demais. De aí que sempre nos pida compromisos que repercutan nos demais, facendo o ben neste mundo. Paga a pena entrar na roda de dar sen esperar a cambio. Ir dando, regalando vida aos demais. En definitiva, paga a pena ser anxos para os demais. Ánimo!
Todo isto é posible porque Xesús resucitou! 
Non te perdas vivir este agasallo e oportunidade...

No hay comentarios:

Publicar un comentario