XORNADA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS 2012

“Saiamos ao encontro, abramos as portas”
Meu Deus, creador do ceo e da terra, oe a miña oración. Atende a miña súplica.
Soamente pido que a túa xustiza se practique. Son o teu fillo, son a túa filla. Busco só unha oportunidade para prover á miña familia de comida, roupa, teito, seguridade. No lugar de onde veño, estas oportunidades son moi limitadas. En busca de oportunidades, cruzo fronteiras creadas por homes. Viaxo a través de ríos e desertos desafiando enfermidade, deshidratación, incluso a morte. Ao cruzar a fronteira, vólvome invisible. Teño dous ou tres traballos que nin sequera pagan salario mínimo. Apenas teño tempo para durmir. Dáme descanso, Señor. Oe a miña suplica. Respóndeme pola túa xustiza. Hai moitos que non me ven como fillo de Deus. Non queren recoñecer o meu valor e dignidade como criatura túa.
O inimigo perségueme, o inimigo da xustiza. O inimigo da nosa común humanidade. Fuxo cara ás sombras, habito nas tebras.Viaxo por terra estéril buscando oportunidade. Onde estás cando me vexo forzado a facer esta viaxe? Onde estás cando me perseguen por iso? Onde estás, meu Deus? Escoita os meus rogos, oe a miña oración. Este país foi fundado e prosperou polo labor de inmigrantes coma min. Axúdame a saber que non sempre serei perseguido. Corazóns foron cambiados, actitudes foron cambiadas. Escoita os meus rogos, oe a miña oración. Estendo as miñas mans, esperando aquilo que se me prometeu: un futuro, unha esperanza. A miña alma, como o deserto que cruzo, está sedenta. Empápame coa dignidade de ser recoñecido como o que son: un irmán, unha irmá, un fillo ou filla de Deus. Manda choivas, Señor, que sacien a sede da miña alma. Manda choivas, Señor.
Hai familias separadas. Ao pasar os anos, o meu fillo vai crecendo e coñézoo menos e menos. O meu espírito desmaia. A miña esperanza diminúe. Escoita os meus rogos, oe a miña oración. Perséguenme para botarme fóra. Ti permitíchesme chegar ata aquí e, por iso, douche grazas. Pero Señor, estou canso. Estou canso de ser perseguido. Estou canso de non ser recoñecido, Estou canso de ter medo, Estou canso de vivir nas sombras. Saca a miña alma da angustia, pola túa xustiza. Disipa o odio dos meus inimigos. Disipa a cegueira dos meus inimigos. Disipa a complicidade dos meus inimigos. Rescata os meus adversarios dos seus malentendidos, desconfianza e mala comunicación. Soamente pido que a túa xustiza se practique. No teu nome, Señor; así sexa. Amén
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario