XESÚS XA CHEGA ... PREPARA O TEU CORAZÓN


Querido Amigo:

Ola, ámote moito. Como saberás, estámonos a achegar outra vez á data en que festexan o meu nacemento.

O ano pasado fixeron unha gran festa na miña honra e dáme a impresión de que este ano acontecerá o mesmo. A fin de contas levan meses facendo compras para a ocasión e case todos os días saen anuncios e avisos sobre o pouco que falta para que chegue!

A verdade é que se pasan da raia, pero é agradable saber que polo menos un día do ano, pensan en min. Transcorreu xa moito tempo de cando comprendían e agradecían de corazón o moito que fixen por toda a humanidade.

Pero, hoxe en día, dá a impresión de que a maioría da xente apenas  sabe por que motivo se celebra o meu aniversario.

Por outra banda, gústame que a xente se reúna e o pase ben e alégrame sobre todo que os nenos se divirtan tanto; pero aínda así, creo que a maior parte non sabe ben de que se trata. Non che parece?

Como o que sucedeu, por exemplo, o ano pasado: ao chegar o día do meu aniversario, fixeron unha gran festa; pero, podes crer que nin sequera me invitaron? Imaxínate! Eu era o convidado de honra! Pois  esquecéronse por completo de min!.

Resulta que estiveran a prepararse para as festas durante dous meses e cando chegou o gran día deixáronme á marxe. Xa me pasou tantas veces que o certo é que non me sorprendeu.

Aínda que non me invitaron, ocorréuseme coarme sen facer ruído. Entrei e quedei no meu recuncho. Ninguén advertiu sequera a miña presenza, nin se decataron de que eu estaba alí!

Estaban a beber todos, rindo e pasándoo en grande, cando de pronto se presentou un home gordo vestido de vermello e barba branca postiza, berrando: " ho, ho, ho! ".

Avanzou entre os presentes, mentres todos o felicitaban. Cando sentou nunha gran cadeira de brazos, todos os nenos,emocionadísimos, se lle achegaron correndo e dicindo: Santa Claus! Como se el tivese sido o homenaxeado e toda a festa fose na súa honra! Aguantei aquela "festa" ata onde puiden, pero ao final tiven que irme. Camiñando pola rúa sentinme solitario e triste. O que máis me asombra de como celebra a maioría da xente o día do meu aniversario é que en vez de facerme regalos, obséquianse cousas uns a outros! e para colmo, case sempre son obxectos que nin sequera lles fan falta! Vouche facer unha pregunta: A ti non te parecería estraño que ao chegar o teu aniversario todos os teus amigos decidiran celebralo facéndose regalos uns a outros e non te desen nada a ti? Pois é o que me pasa a min cada ano! Unha vez alguén me dixo: "É que ti non es como os demais, a ti non se te ve nunca; Como é que che imos facer regalos? ". Xa te imaxinarás o que lle respondín. Eu sempre dixen "Pois regala comida e roupa aos pobres, axuda aos que o necesiten. Vai visitar os orfos, enfermos e aos que estean en prisión! ". Díxenlle: "Escoita ben, todo o que regales aos teus semellantes para aliviar a súa necesidade, contareino coma se mo tiveses dado a min persoalmente! " (Mateo 25,34-40).

E pensar todo o ben e felicidade que poderían levar ás colonias marxinadas, aos orfanatos, asilos, penais ou familiares dos presos. Lamentablemente, cada ano que pasa é peor. Chega o meu aniversario e só pensan nas compras, nas festas e nas vacacións e eu non pinto para nada en todo isto. Ademais, cada ano, os regalos de Nadal, piñeiros e adornos son máis sofisticados e máis caros, gastan verdadeiras fortunas tratando con isto de impresionar ás súas amizades. Isto sucede inclusive nos templos. E pensar que eu nacín nun presebe,... 

Agradaríame moito máis nacer todos os días no corazón dos meus amigos e que me permitisen morar aí para axudarlles cada día en todas as súas dificultades, para que poidan palpar o grande amor que sinto por todos; porque non sei se o sabías, pero hai 2 mil anos entreguei a miña vida para salvarte da morte e mostrarche o grande amor que te teño. Por iso o que pido é que me deixes entrar no teu corazón. Levo anos tratando de entrar, pero ata hoxe non me deixaches. "Mira eu estou chamando á porta, se alguén oe a miña voz e abre a porta, entrarei na súa casa e cearemos xuntos,". Confía en min, abandónate en min. Este será o mellor regalo que me poidas dar. 
Grazas.
O teu amigo, Xesús

Fonte: Acidigital

10 DECEMBRO, DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS HUMANOS E OPERACIÓN QUILO


Achégase a época do Nadal e multiplícanse as causas solidarias para os máis necesitados.

Porque en Nadal, todos merecemos ter. Ou, polo menos, todos merecemos comer. Por iso, un ano máis, o noso colexio organiza a  "Operación Quilo", que recada comida para doarlla ao comedor benéfico das Fillas da Caridade e das Voluntarias (AIC). 

E presentamos esta iniciativa no Día dos Dereitos Humanos, día que presenta, cada ano, a oportunidade de avogar por que  todas as persoas gocen dos dereitos fundamentais alá onde se encontren.

E hai algún dereito máis fundamental que o de ter un prato de comer cada día?

O dereito humano máis elemental contido na Declaración Universal, "o dereito a alimentarse" é, por desgraza, letra morta en moitos dos países do mundo. Pero non podemos deixar que tamén o sexa entre os nosos veciños. Por iso, temos que poñernos mans á obra.

Cun pouquiño de cada un, chegamos a moito. Un 'moito' que chega a converterse no 'todo' das persoas máis necesitadas. Parece doado, non?


No día da Inmaculada, recordámoste, Sor Merchán


Toda a Comunidade Educativa das Fillas da Caridade de Marín está de loito tras o falecemento, na madrugada do 6 de decembro, da que foi superiora do Colexio La Inmaculada, sor Antonia Merchán

Sor Merchán levaba doce anos residindo no noso colexio, vivindo entre nós e compartindo moitas alegrías, bos e malos momentos.

En palabras de Sor Manuela, sor Merchán «Era unha auténtica Filla da Caridade, preocupábase moitísimo pola comunidade, pola vida espiritual das irmás, e foi moi valente, tiña moita fe». E non só se preocupaba polas irmás, tamén o facía polo resto da comunidade, alumnos, profesores, persoal non docente, familias, … Achegábase a cada un de nós con palabras tenras e amables, con xestos sinxelos e decididos.
Sor Merchán faleceu tras unha dura e longa batalla contra un cancro, pero nunca perdeu a súa forza que lle viña dunha gran fe en Deus.
O recordo de sor Merchán permanecerá por sempre, porque ela soubo buscar a Gloria e porque tamén soubo amar. Amou a Deus; amou á súa vocación: servir a Deus nos pobres; amou a súa profesión: a docencia; amou as súas irmás; amou o seu traballo e amou a vida. Ás persoas coñéceselles polas súas obras. Aí quedan as de Sor Merchán e aí queda o seu exemplo.

Hoxe, na Festa da Inmaculada Concepción, sabemos que por fin descansas xunto a o Pai, abrigada no colo da nosa Nai, María, á que sempre te encomendabas e que tan importante foi para ti durante toda a túa vida.

Grazas, Sor Merchán, por unha vida de sacrificio e exemplo para todos nós

FOTOS FESTA MILAGROSA 2012

Estas son algunas das imaxes que nos deixa a Festa da Milagrosa 2012, na que todos os alumnos e profesores participamos de xeito especial. Que a Virxe Milagrosa nos acompañe cada día!!!
Oh, María sen pecado concibida, roga por nós que recurrimos a ti!

MILAGROSA 2012 - foto montaxe

Primeiro Domingo de ADVENTO: ¡CONFÍA! MIRADE, HABERÁ SINAIS… ESTADE EN VELA


Comeza o Advento. Máis de vinte días nos que imos practicar a espera activa, a esperanza por enriba de calquera outra cousa, situación e preocupación. Esta primeira semana queremos traballar a exhortación Confía! A Palabra invítanos a confiar, a ter confianza, a fiarnos. Vivimos momentos difíciles para fiarnos das promesas que nos fan, das melloras que van chegar pero non chegan, mesmo para fiarnos dos demais.

A confianza é o fundamento de toda relación humana. Ninguén pode camiñar xunto ao outro sen ter a certeza de que pode confiar nel. Sen confianza é imposible avanzar e crecer. Sen confianza non se vive. 
Apóiase na firme esperanza e proporciona seguridade, optimismo, benestar, alegría. A confianza fainos máis fortes, máis libres e tamén mellores. Pola contra, o receo leva ao temor, ao malestar, á insatisfacción. A dúbida, a inquietude, reprímenos, non nos deixa actuar, dificulta que tomemos iniciativas, paralízanos, sufrimos. 

A confianza implica reciprocidade. Imos depositando a nosa confianza no outro ao comprobar que non somos defraudados e, ao mesmo tempo, porque experimentamos que tamén somos obxecto de confianza. Esperamos, porque estamos convencidos de que imos recibir. Damos, porque a nós nos deron. O egoísta, o que só pide, o que recibe e nunca dá, remata coa relación. Cando se establece unha relación de mutua confianza estase a asinar un pacto e quen o incumpre fai fraude; a estafa é especialmente grave cando un se aproveita de que o outro confía.

Cando falamos de confianza falamos de transparencia. Todos necesitamos que alguén confíe en nós. Quen confía noutra persoa faina crecer e contribúe á súa felicidade. 

A confianza, dende un punto de vista cristián, fundaméntase no amor. Xesús amou tanto ao mundo que foi capaz de dar a vida por nós. Deus confía en nós plenamente porque nos ama totalmente.


Nesta primeira semana de Advento, estamos invitados a mirar a nosa propia historia, a nosa propia vida e examinar canta confianza temos en nós mesmos, nos demais e en Deus. Que tomemos responsable e persoalmente esa exhortación (Confía!) e deixémonos facer por Deus. "Haberá sinais" di Lucas, esteamos en vela, preparados, vixiantes. Confiemos! Só o que confía xera vida ao seu arredor.


O primeiro paso no proceso da fe é a confianza.
Os últimos estudos sobre a xuventude demostran que manifestan un alto grao de desconfianza: cren tan só en si mesmos, nas súas capacidades, e no seu círculo máis próximo de familia e amigos. As institucións, incluída a Igrexa, quedan á marxe dese círculo. A fe, Xesús, Deus, non supoñen algo relevante nas súas vidas. E se algo non é relevante, se non ten un posto importante na vida, non merece ser digno de confianza.
Se boto unha ollada á miña vida persoal, como ando de confianza? 
Fíome de min mesmo? Confío nas miñas posibilidades? 
En quen teño posta a miña confianza? 
Cales son as túas razóns para non confiar?

- No teu ámbito máis próximo
- Nas institucións.
- En Deus.
- En ti mesmo?
Neste Advento, confío en que Deus vén á miña vida? Como podo prepararme para recibilo? Teño "espazo" para el? 

ADVENTO 2012: Preparados, listos... VIDA!


De novo, un ano máis, a Igrexa ofrécenos e invita a celebrar e vivir intensamente este tempo de Graza e de oportunidade que é o Advento. Este curso no que estamos a traballar o valor vicenciano da vida, celebrar o Advento e o Nadal cobran, se cabe, unha especial importancia. A vida, toda a vida, é un camiño, un itinerario cheo de sorpresas, de convites, de encontros, de probas, de caídas e superacións... un camiño cara á VIDA con maiúsculas.

Desexamos que toda a nosa comunidade educativa vivise en profundidade o Advento e o Nadal. Que as nosas actitudes falasen de Advento para vivilo en profundidade, vendo o importante que é "prepararnos e estar listo" para celebrar en Nadal ao que dá a vida, porque El é a VIDA mesma.