Despedida en tempo de Coresma

 

Hoxe é un día triste para a Comunidade das Fillas da Caridade, en especial para a de Marín. Pero tamén é día de esperanza. Sor Mª Josefa marchou co Pai neste tempo de Coresma para resucitar na súa Pascua con El.
A palabra Coresma non significa tristura, amargura,... é máis ben un tempo privilexiado, un período no que Deus nos invita a vivir con Él.
Para os crentes, ante a dor e a morte, sempre hai unha luz de esperanza e de consolo. E é porque nós cremos nun Deus que sufriu e morreu, pero sobre todo, cremos nun Deus que Resucitou, e que agora vive xunto a nós. Vive para animarnos a seguir o seu exemplo de amor e servizo aos demais.
E así é como viviu Sor Mª Josefa, dando exemplo a todos coa súa entrega e xenerosidade, vivindo e compartindo entre os pobres e dando sempre testemuño coa súa dedicación e o seu sorriso. Recordámola a ela e todas as Fillas da Caridade que pasaron pola nosa vida sendo exemplo e testemuñas de Cristo Resucitado.



UNHA EXPLICACIÓN PARA OS NENOS SOBRE A CORESMA

CORESMA 2011 E MÉRCORES DE CINZA.

REGRESAMOS!!!!

Despois de case dous meses de ausencia, o blog de Pastoral volve a poñerse en funcionamento e trtará de porse ao día coas novidades do centro e do mundo. Desculpade as molestias deste tempo. É poñer escusas, pero os motivos foron varios: case un mes sen banda ancha na casa, acumulación de traballo, falta de tempo... e moita preguiza, ese mal co que moitos loitamnos a diario e non sempre somos quen de combater. Pero hoxe, Mércores de Cinza, trataremos de vencer ese "demo" para renacer en esperanza...
A cinza que Deus quere....
que non te consideres dono de nada, senón humilde administrador;
que non presumas dos teus talentos, senón que os poñas ao servizo dos demais;
que non te creas santo porque santo e grande só é Deus;
que non te deprimas nin te acovardes, porque Deus está contigo;
que aprecies o valor das cousas sinxelas;
que non temas a dor ou a morte porque sempre é Pascua.

Infancia misioneira 2011

A pasada semana, Educación Infantil e Primaria uníanse para celebrar o Día da Infancia Misioneira. Nas titorías, os titores falaron do compromiso misioneiros cos obxectivos de achegar os nenos e poñelos en contacto cos nenos de Oceanía, para que valoren a necesidade de compartir.
Para iso, os alumnos do 2º e 3º ciclo de Primaria tiveron no Salón de Actos un pequeno acto no que se presentou Oceanía e a situación dos nenos alí, a súa forma de vida....; continuaron co visionado do vídeo da misión en Papúa Nova Guinea e co posterior comentario (no salón e nas clases). Rematouse o acto escoitando e cantando a canción Desaprender la guerra, de Luis Guitarra, que valeu para enlazar parte do contido do vídeo da Infancia Misioneira deste ano coa presente semana, na que conmemoramos o Día Escolar da Paz e a Non Violencia.

DESAPRENDER A GUERRA PARA APRENDER A PAZ

...logo temos o "descanón".
- Brrrrr, que medo!
- Que va! O "descanón" é o contrario ao canón, e serve para desfacer a guerra.
- E como funciona?
- É sinxelo; pode manexalo mesmo un neno. Se hai guerra, tocamos a destrompeta, disparamos o descanón e a guerra queda desfeita rapidamente.
- Que marabilla o país co "deas" diante.

Gianni Rodari  (O país co "deas" diante)


Desaprender, segundo www.psicopedagogia.com, é «a oportunidade que teñen as persoas de aprender temas ou cousas de interese inmediato, deixando de lado aqueles contidos que non se axustan á realidade do momento, non deixar de todo os seus coñecementos, senón máis ben pola contra ampliar a súa bagaxe cultural con temas de máis importancia ou transcendencia para a persoa».
Desaprender NON É esquecer, rexeitar o sabido, despreciar ou renegar das experiencias vividas, facer borrón e conta nova....

Desaprender É quedar co que realmente nos serve das nosas experiencias; rebobinar  a nosa "cinta vital" para gravar outras cousas alí onde sexa preciso; abrir o armario da nosa vida e sacar a roupa que xa non nos serve para deixar oco á roupa que necesitaremos en diante; soltar o lastre acumulado para seguir medrando como persoas; deixar de pensar-sentir-actuar dunha "forma sabida" ao decatarnos do que nos fai dano ou de que estamos equivocados e empezar entón a pensar-actuar-sentir dun xeito diferente e novidoso para nós...

A guerra acompañou con persistencia a vida das sociedades humanas de todos os tempos. A pesar diso, empeñámonos en non desaprender esta materia tan, tristemente, ben aprendida. 


UN ANO DESPOIS

A vida nunca é doada en Haití, pero este ano foi particularmente tráxico para o país e os seus habitantes. En xaneiro foron testemuñas do sismo máis desvastador dos últimos 200 anos, que se levou por diante a vida de 200.000 haitianos e deixou ao país en ruínas. Durante o verán, o furacán Tomas engadiu un pouco máis de miseria ás súas vidas, varrendo as súas casas e escasas posesións. Ao pouco, viron morrer os seus seres queridos por un brote de cólera que non deixou de cobrarse vidas ata o día de hoxe.

Pasou un ano dende aquel día en que o país espertaba entre as ruínas e aínda hoxe 500.000 nenos e nenas continúan vivindo en campamentos e moitos máis en asentamentos marxinais, carentes de protección e baixo a ameaza da explotación e o maltrato. A esperanza segue respirando pero a situación continúa sendo moi difícil. Os haitianos teñen unha fortaleza excepcional. Golpe tras golpe, seguen loitando por sobrevivir.

Un ano despois, cómpre que nos preguntemos se fixemos o suficiente por Haití. Se o seguimos facendo ou se xa pasamos páxina. Miles de persoas continúan necesitando a nosa axuda cada día. E o que facemos é bo; pero, suficiente?

Sigamos participando nas campañas e proxectos que se van propoñendo (becas estudo, almorzos, Campaña da Fame, Domund, Infancia Misioneira, ....) e nos que van xurdindo. Que a nosa resposta sexa xenerosa e dende o corazón.
 

NANA

Baixo o manto da noite escóitase unha vella canción de berce. Curta gañadora da MELLOR CURTAMETRAXE DE FICCIÓN dos Premios Goya 2006 Dirección: Jose Javier Rodríguez Melcón. Produción: Ignacio Monge, Rafael Álvarez.
Graciñas, Carol, pola túa aportación.