
No ano 2000 todos os países acordaron traballar xuntos para acabar coa fame
antes de 2015. A menos dun ano para que acabe o prazo, comprobamos que estamos moi
lonxe de poder conseguir este obxectivo.
Hoxe, 842 millóns de persoas pasan fame. É un escándalo que non
podemos consentir. Está nas nosas mans ofrecer solucións para que se cumpra este dereito fundamental para
todos.
Para acabar con esta traxedia é urxente xerar unha nova orde de
relacións entre persoas, asociacións, empresas, organismos públicos e entre
países, que reflicta a fraternidade que nos une a todos. Porque o
desenvolvemento dos pobos depende, sobre todo, de que aprendamos a vivir como
membros da mesma familia. É necesario un compromiso solidario mundial para que
todos nos poidamos beneficiar dos froitos da Terra.
Por iso, desde Mans Unidas,
asociación da Igrexa católica para a axuda, promoción e desenvolvemento dos
países do Sur, na campaña que agora iniciamos, convocamos a todos a traballar
fraternalmente por “Un mundo novo, proxecto común”, porque acabar coa fame é
responsabilidade de todos, e só será posible se todos traballamos como
auténticos irmáns.
Por estas razóns demandamos:
1. A todas as institucións políticas, culturais e
relixiosas que busquen un diálogo fecundo, capaz de analizar a fondo as causas
das inxustizas, e propoñer as medidas necesarias para defender eficazmente o
ben común.
2. Ás empresas e entidades financeiras que
desterren as relacións baseadas no logro de máximo beneficio e poñan no centro
dos seus intereses o ben da persoa.
3. Á comunidade internacional que mellore a
cooperación e favoreza unha política comercial coherente coa defensa dos
dereitos humanos.
4. Aos países desenvolvidos que se comprometan a
aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento, aliviando a débeda externa e
compartindo cos países do Sur o acceso aos mercados, e aqueles medios que
garantan a defensa efectiva dos seus dereitos fundamentais.
5. Aos países en desenvolvemento que melloren a
súa gobernabilidade, a transparencia na xestión dos seus recursos e o compromiso
serio na defensa dos dereitos fundamentais.
6. A todos os gobernos e institucións internacionais
que establezan regras xustas para que os
países poidan establecer relacións mercantís seguras e non
discriminatorias.
7. A todas as persoas e institucións que promovan
un modelo de desenvolvemento sostible, que salvagarde os recursos naturais,
utilizándoos responsablemente e poñéndoos a disposición, especialmente, dos maís
necesitaddos; un desenvolvemento que fomente a austeridade no consumo e deteña
o consumismo compulsivo e irresponsable.
8. En definitiva, demandamos a defensa dun modelo
de desenvolvemento que poña as persoas no centro, a súa inviolable dignidade, e
os dereitos fundamentais que lles pertencen; e que atenda aos pobres
especialmente.

Ao comezar esta nova campaña, pedímoslle a Deus que nos conceda a graza
de ver un mundo no que que ningúen deba morrer de fame.
Un mundo novo, proxecto común.
PRESENTACIÓN PPT MANOS UNIDAS