1ª SEMANA DE ADVENTO: MIRADE!!! ABRIDE OS OLLOS Á VERDADE!!!

Mc 13, 33-37: Mirade! Vixiade! Velade! pois non sabedes cando virá o dono da casa, se ao atardecer, ou a media noite, ou ao canto do galo, ou ao amañecer: non sexa que veña inesperadamente e vos encontre durmidos.
 Ao empezar o Advento, escoitamos, o primeiro, un timbrazo de alarma. Vixía! Vela! Mira! Necesitámolo, porque o Advento é tempo de esperanza e a esperanza ha de ser atenta e vixiante. Non pechedes os ollos, mirade ben. Espertade. Acendede a vosa esperanza! Camiñar cara á VERDADE con maiúsculas que chega require de todos nós algunhas actitudes que nos manteñan en vela, que nos impidan durmirnos ou adormecernos coas preocupacións do diario vivir.

Xesús faise presente en calquera oportunidade. Necesitamos velar para recoñecelo e acollelo. É o propio do Advento. É o tempo da preparación. Unha preparación que vai moito máis alá das luces que xa están preparadas e que colgan dos farois e paseos das nosas cidades e pobos esperando ao arranque do Nadal oficial. Para un cristián as luces non se iluminan de verdade ata que o que é a LUZ verdadeira non aparece entre nós.

Deus faise presente en medio da nosa vida cotiá, non chega con grandiosos sinais e efectos especiais, senón na sinxeleza e discreción dos acontecementos máis correntes e cotiáns. Descubrilo na vida é unha das nosas tarefas máis difíciles e importantes como cristiáns, pero iso só se pode conseguir se vivimos nunha constante actitude de busca e atención. Mirade! Vixiade!

Esta primeira semana de Advento invítasenos a traballar e intentar adquirir eses trazos que non deberían nunca faltar na mirada de alguén que se sabe en camiño, que se sente vixiante e esperanzado:

1. Unha mirada cordial, unha mirada cariñosa que mira porque ama.
2. Unha mirada valente, capaz de miralo todo fixamente, á cara, sen filtros.
3, Una mirada escrutadora, que pregunta, que vai máis alá das aparencias, que se deixa interrogar aínda que non teña inmediatamente resposta, que acepta pacientemente o silencio.
4. Unha mirada cada día reinstaurada, non viciada pola rutina senón capaz de descubrir cada día a novidade das cousas e das persoas.
5, Una mirada iluminada pola fe, que nos concede mirar as cousas coa mirada de Deus.
6. Unha mirada profética, que - dende o encontro con Deus e coa persoa- prevé o futuro e interpreta o presente; que sabe ler os signos dos tempos.

Vixiamos cando esperamos, vixiamos cando creemos, vixiamos cando confiamos, vixiamos cando amamos. Non deixemos de mirar e velar!

Canta atención dedicas a ver como vai a túa vida?
Vives en actitude de vixilancia e busca?
Como miras aos demais? A quen admiras? Por que?
Que propósito de Advento estás disposto a levar adiante?
Tes os ollos ben abertos para descubrir o Señor no medio do cotián?





120 ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO COLEXIO DAS FILLAS DA CARIDADE DE MARIN

Non todos os días se cumpren 120 anos e ese foi precisamente o aniversario que onte se conmemorou en Marín, o da chegada ao municipio da congregación relixiosa das Fillas da Caridade. 
Decenas de exalumnos e exalumnas do Colexio Inmaculada déronse cita para celebrar a efemérides. 
O primeiro prato do día foi o festival, que contou coa actuación de Trompos pés, dun grupo de ximnasia rítmica do colexio, da coral do Centro Social e dunha pequena representación de virtuosos da banda do Ateneo. Tamén, fóra de programa, pero non por iso menos emotivo, foi a actuación dun grupo de "mozas" exalumnas que interpretou o antigo himno do colexio. 
Xa rematando o acto, chegou a parte dos discursos, o da Directora Pedagóxica do centro, Elena Sobral; o da alcaldesa de Marín, María Ramallo; e o da representante da titularidade do centro, Sor Manuela.
Ao finalizar o festival, a congregación relixiosa recibiu un detalle por parte da alcaldesa de Marín e outro recordo procedente da Deputación provincial.
A continuación tería lugar un banquete ao que asistiron máis de oitenta persoas e alí fíxose entrega da orla de honra na que figuraban exalumnos das décadas dos 40, 50 e 60.
Xa pola tarde, moitos dos presentes acudiron á misa da Medalla Milagres no Templo Novo que foi o broche final a un día cheo de emocións e recordos.
Esperemos que a comunidade das Fillas da Caridade sigan entre nós moitos anos. ¡NORABOA POLO VOSO LABOR!
Se queres ver as fotos da Homenaxe preme no seguinte enlace:

FELIZ DÍA DA MILAGROSA

Na festividade da Milagrosa desexamos que pasedes un bo día e que a Virxe vos conceda todos eses desexos que gardades no corazón. 

Déixovos aquí unhas imaxes da celbración da Milagrosa que tivemos na parroquia, así como dalgunhas actividades realizadas co gallo da Festa da Milagrosa.
FOTOS INFANTIL  (preme no enlace)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
                                                     

TAPÓNS DE ESPERANZA


Os tapóns solidarios, como xa se lles coñece, non forman parte de ningunha campaña publicitaria; en realidade son varias iniciativas que pretenden recadar fondos para axudar a nenos afectados por enfermidades raras. Trátase dunha especie de cadea de favores pero con tapóns das botellas de auga, de leite, de refrescos ou outros produtos.
Dende o noso centro estamos apoiando esta iniciativa. Non custa nada e podemos contribuír á curación de calquera que o necesite. É un dimunuto gran de area, pero é tamén unha forma de mostrar a nosa solidariedade e compromiso por intentar contribuír na mellora deste mundo... ¡¡¡Somos vicencianos!!!! 
Trae os teus tapóns. Hai un punto de recollida na entrada do colexio. Graciñas pola túa colaboración.
Para ver o vídeo emitido polo programa REPOR pincha neste enlace
Se queres máis información sobre esta iniciativa preme aquí:

CELEBRACIÓN DA MILAGROSA

Co gallo da festividade da Virxe Milagrosa, os alumnos e profesores do noso centro estamos estes días a realizar diferentes actividades que culminaremos coa imposición da Medalla Milagrosa para os alumnos de Infantil e diferentes celebracións da palabra para os primeiros cursos dePrimaria e unha Eucaristía para Primaria e ESO:
XOVES 24 DE NOVEMBRO:
        - Eucaristía ESO no Templo Novo,ás 9.30 h
        - Imposición da Medalla Milagrosa, ás 16.00 h para Educación Infantil
        - Novena da Milagrosa, ás 19.30 h, á que estades TODOS invitados a participar (animamos a liturxia deste día os profes e alumnos do colexio)
VENRES 25 NOVEMBRO:
        - Eucaristía PRIMARIA no Templo Novo,ás 10.00 h.
 E que a  VIRXE MILAGROSA vos acompañe e vos dea ánimo! FELIZ SEMANA !!!

HOMENAXE 120 ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO COLEXIO DAS FILLAS DA CARIDADE DE MARIN

PROGRAMACIÓN
11.45 h. Recepción de asistentes no salón de actos do Colexio La Inmaculada
12.00 h. Apertura, presentación e benvida
12.05 h. Inicio do festival coas actuacións de:
- Coral Centro Novo Sociocomunitario de Marín, dirixida por Montserrat Arosa.
- Agrupación Cultural-Folcórica Trompos os Pés
- Grupo de músicos da Banda de Música do Ateneo Santa Cecilia de Marín, dirixido por Alfredo Sánchez Murcia
- Grupo de alumnas de Ximnasia Rítmica do colexio dirixido por Natalia Castro
Coordinación do Festival: Mara Fariña Pérez
13.45 h Discursos e entrega de placa conmemorativa do Concello. Intervirán:
- Directora do colexio
- Superioridade da comunidade relixiosa Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl.
- Alcaldesa do Concello de Marín.
14.30 h Comida de ex-alumnos/as no restaurante Mesón do Arrieiro
Discurso-Reencontro a cargo do ex alumno Julio Santos Pena e entrega de Orla de Honra ás Fillas da Caridade
19.00 h. Misa cantada da Medalla Milagrosa no Templo Novo.
As actividades programadas están abertas a todos os ex alumnos e ex alumnas das distintas xeracións que pasaron polo colexio de Marín e polas escolas da Capela de Cantodarea.

BREVE HISTORIA DA TRAXECTORIA DAS FILLAS DA CARIDADE EN MARÍN(por Ángel García Carragal)

Corría o ano 1891. O cardeal-arcebispo de Santiago don José Martín de Herrera tivo especial interese en establecer en Marín un colexio rexido polas Fillas da Caridade e para iso xestionou a instalación dunha pequena congregación relixiosa formada por tres relixiosas de San Vicente de Paúl formada por Sor Paulina Zapatero, Sor Angela Sanz, Sor Gregoria Pardo e Sor María González.
Sendo nomeado aquel ano capelán de Marín o sacerdote Serafín Tobío inaugurábase a primeira Casa Escola 'San José' de nenos e nenas das Fillas da Caridade coas catro Fillas da Caridade que se farían cargo da obra de San Vicente de Paúl entre a poboación marinense.
Cos anos o alumnado prolifera, chegando a alcanzarse tan elevada cifra que facía necesario construír un pavillón escolar; Sor Paulina, que presidía as Fillas da Caridade comprou un pequeno terreo onde se erixiu o primeiro edificio que ademais de escola funcionaba como internado de alumnas.
Falecidos o capelán don Serafín Tobío e Sor Paulina, o resto da congregación relixiosa continuou o seu labor e o número de monxas foise ampliando, así como as instalacións escolares de tal forma que en 1906 se poñía a primeira pedra do novo colexio que foi inaugurado dous anos despois polo cardeal Martín Herrera que contou con diversas doazóns [...]
Nese mesmo ano ampliábase a escolarización e a obra de caridade ao barrio de pescadores de Cantodarea, abríndose unha escola na Capela de San Xosé que sería atendida por Sor Tomasa e Sor Carmen ao longo de máis de 50 anos.
Durante estes 120 anos o labor das Fillas da Caridade foi constante entre a poboación marinense e moitas irmás deixaron entre nós un gran recordo; mesmo algunhas foron motivo do merecido recoñecemento de Fillas Adoptivas de Marín, titulo outorgado a Sor Fermina, Sor Felisa e Sor Gertrudis polo seu exemplar labor. A comunidade recibiu así mesmo o título de Marinense do Ano.
En todos os momentos importantes da historia de Marín estiveron presentes as Fillas da Caridade
Un feito histórico que deu os seus froitos como se pode constatar na actualidade coa obra humanitaria, social e docente que dende entón vén exercendo entre nós a comunidade relixiosa das Fillas da Caridade.
Pasaron os anos e as 'escolas das monxas' foron crecendo e son moitas as xeracións de marineses que dende aquel 1891 ata a actualidade foron pasando polas aulas do colexio da Inmaculada atendidas polas recordadas Sor Gertrudis, Sor Aurelia, Sor Mercedes, Sor Manuela, Sor Carmen, Sor Tomasa, Sor Elvira, Sor Fermina etc. que tiñan como obxectivo prioritario a educación dos máis pequenos, un grande labor educativa que foi premiada e recoñecida ao longo dos anos con diversas distincións e mostras de agradecemento popular.
Na actualidade, ademais do colexio as Fillas da Caridade teñen ao seu cargo o Comedor de Necesitados que pon de relevo o seu continuado labor humanitario en favor dos máis desfavorecidos atendendo á obra de San Vicente de Paúl.

PREPARANDO A FESTA DA MILAGROSA

Dende o Departamento de Pastoral estamos a preparar xa a Festa da Milagrosa que, como sabedes, terá lugar o vindeiro domingo 27 de Novembro, coincidindo co Primeiro Domingo de Advento.
E, buscando e navegando, atopei estes debuxos que narran a vida de Santa Catalina dunha forma moi amena. Espero que vos gusten!!!!!
Tamén podedes ver máis recursos no apartado de FESTAS e no de TITORÍA E PASTORAL

JMV CONVIVENCIA INFANTÍS -XUVENÍS GALICIA 2011

GRITEMOS A GRAN VERDADE!!!
Este é o lema de JMV deste curso e esta foi a temática que envolveu a convivencia que tivo lugar en San Narciso e na que participaron máis de 150 rapaces e rapazas, dende 4º de Primaria a 2º ESO e arredor de 25 catequistas. Iniciamos o encontro con dinámicas de presentación e seguidamente os rapaces da Illa de Arousa representaron, a modo de oración e reflexión para comezar a xornada, un conto que falaba da pouca consistencia da MENTIRA e das calidades que aporta a VERDADE, a SINCERIDADE, a LEALDADE, a AUTENTICIDADE. Construíron un monumento á VERDADE que foi o símbolo que presidiu a Eucaristía que pecharía a convivencia. Porque a VERDADE é Cristo mesmo e a súa Boa Nova.
Despois da formación de grupos tivemos o esperado descanso para saborear a "rica palmeira misioneira" (e os sabrosos batidos misioneiros). Con novos folgos iniciamos os dous xogos, o da mentira e o da verdade. Entre xogo e xogo, os diferentes grupos reflexionaron sobre diferentes aspectos da mentira e da verdade, sobre as nosas diferenzas e valores...  E rematou a xornada da mañá cunha representación por grupos: GRITEMOS A GRAN VERDADE. XESÚS É A GRAN VERDADE, A QUE NOS FAI AUTÉNTICOS, LIBRES.
Chegou a inesperada choiva que puxo punto final á posta en común e daba paso ao xantar e, como remate dun día estupendo, Xesús, a GRAN VERDADE congregounos a todos na celebración da Eucaristía; El é quen de darnos forza para sermos auténticos e verdadeiros. Só así poderemos ser libres. 

PODES VISUALIZAR AS FOTOS DESTE ENCONTRO PREMENDO NO SEGUINTE ENLACE:

VIDA vs. MORTE

Como é posible que podendo elixir a luz, a verdade, a vida, a transparencia, a fidelidade... cada vez elixamos máis a noite, a trampa, a morte, o disfraz, a mentira pasaxeira...?
Para os cristiáns, celebrar os Santos é celebrar a vida, é recordar que hai seres humanos que xa gozan desa luz e esa verdade que só Deus pode dar. É unha festa de luz, de esperanza, de ánimo. É dicirnos a todos que estamos chamados a ser "a mellor versión posible de nós mesmos"... ou sexa, santos. Aínda que só cheguemos a ser "santos en zapatillas de andar por casa" (isto é, o mellor persoas que poidamos ser, cada día, na nosa casa, no noso traballo, nas nosas tarefas, nas nosas diversións... ) Do outro lado, mesturouse a tradición de halloween. E ultimamente, aquí en Galicia, a de Samaín (que si que é anterior á tradición cristiá). E unhas cabazas, doce, disfraces e cairos postizos gañáronnos a aposta. Predomina o medo dos mortos, a trampa, o disfraz, a mentira, o desagradable dun suposto mundo intermedio... En definitiva, todo o contrario do que é é o día dos Santos: unha festa que ensalza a vida e non a morte. E é por iso que está a Igrexa alertándonos aos cristiáns do trasfondo anticristián da Festa de Halloween, por tratarse dunha festa que estimula a morte e non a vida. 
Pero non creo que haxa que levantar unha nova cruzada contra algo tan superficial como o Halloween ou o Samaín. Todo na súa xusta medida. Son tradicións pagás das que podemos sacar o proveito da diversión, a risa, a troula...  nun mundo ás veces demasiado duro e complicado, escaso de sorrisos. 
Si creo que, como adultos, debemos facer todo o posible por recuperar entre nós o desexo de querer ser santos, de saber que estamos chamados a algo grande. Tan grande como chegar a ser o mellor de nós mesmos: chegar a ser como Deus nos soña. Chegar a sermos capaces, coas nosas accións e a nosa vida exemplar, de ser quen de construír o Reino. Se non o facemos, botamos a culpa a nenos, mozos e adultos disfrazados. Preguntemos máis ben ao noso corazón se estamos intentando ser santos cada día, "santos en zapatillas de andar por casa". 
«O que vos chamou é santo, sede tamén vós santos en toda a vosa conduta; porque así está escrito: Seredes santos, porque eu son santo» (1 P 1, 15-16)